Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Adscrita en Vigo en colaboración con axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) veñen de esclarecer o incendio forestal rexistrado o 28 de agosto no concello de Ponteareas. O lume produciuse na parroquia de Cristiñade e afectou 300 metros cadrados de superficie arborada.
Como resultado detívose unha persoa que xa fora detida por feitos similares en épocas anteriores. As dilixencias iniciáronse grazas á información achegada polos axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural, así como pola colaboración cidadá, xa que a persoa presunta autora foi detectada nas inmediacións do punto de inicio do lume.
O atestado policial foille remitido ao Xulgado de Instrución Número 1 de Ponteareas.
No que vai de ano, a Unidade de Policía Adscrita leva detidas ou investigadas 48 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.
A Xunta continúa apelando á concienciación e á prudencia de cara a evitar incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.