
A Xunta de Galicia colabora na cuarta edición da xornada SAUDEPOL, que se desenvolve hoxe na Comisaría da Policía Nacional en Lugo e pon o foco na seguridade laboral no ámbito das forzas e corpos de seguridade, especialmente nos riscos psicosociais. Está organizada polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) co apoio da Asociación Unificada de Gardas Civís e de Vive CNP -recurso psicolóxico do SUP-, e conta co patrocinio do Parlamento de Galicia.
Na xornada participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que destacou a importancia de afondar na materia con accións formativas como esta. Ao respecto, sinalou que a Xunta convoca cursos de formación para o colectivo a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), e tamén ofrece información sobre prevención e saúde no traballo mediante o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).
A xefa do Servizo de formación en seguridade pública da AGASP, Mónica Castro, impartiu a conferencia “A formación policial en Galicia”. Neste primeiro semestre do ano, programáronse 250 accións formativas para os axentes da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia, Policía Nacional, Policía Local e Garda Civil, que suman case 5.000 prazas e preto de 8.000 horas lectivas.
Outros expertos abordaron os primeiros auxilios psicolóxicos e distintos elementos de risco propios da función policial.