O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos participantes no curso Intervención Policial no medio Acuático que levou a cabo esta semana para mellorar a formación neste ámbito por parte dos axentes da UPA, Policía Local e efectivos da Policía Nacional destinados en Galicia.
Trátase da primeira edición desta formación coa que se pretende preparar aos axentes coas medidas necesarias para afrontar unha intervención no medio acuático de forma segura a través dos medios á súa disposición e en coordinación con outros servizos de emerxencias. De feito, na última xornada do curso que se celebrou hoxe na praia de Oza, na Coruña, o director xeral de Emerxencias e Interior tamén presenciou un simulacro de rescate acuático en augas abertas co que finalizou a formación destes días.
Durante toda a semana levaron a cabo distintas actividades neste areal coruñés salvo o luns, o primeiro día do curso, que tivo como sede a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) na Estrada nunha xornada dedicada aos primeiros auxilios e cunha parte máis práctica na piscina da Academia sobre natación e salvamento acuático.
Fai falta lembrar que AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local -actualmente estanse formando máis dun cento de alumnos que forman parte da 14ª promoción- ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.
A Academia conta cursos no plan de formación dirixidos a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia, isto é, UPA, Policía Nacional e Garda Civil.