14/05/2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron esta mañá xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, no simulacro de Activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga) e o seu paso a situación 2 por dous incendios forestais no concello de Ourense, o primeiro orixinado no lugar de Naves e o segundo en Canibelos, afectando este último tamén os lugares de Sabadelle e Tibiás, no Pereiro de Aguiar.

Con este exercicio trátase de simular unha emerxencia provocada por varios incendios forestais para avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando os plans de emerxencia correspondentes. Deste xeito, ademais de comprobar a operatividade do Peifoga serve para probar a súa coordinación co Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

O simulacro permite ademais adestrar os sistemas de comunicación, como informar á poboación das medidas de autoprotección e, sobre todo, testar as tarefas asignadas aos distintos grupos operativos e grupos de control.

A actividade realizada hoxe requiriu a constitución de centros de mando e control -o Centro de Coordinación Operativa (CECOP), Sala de Control Operativo (SACOP), Centros de Coordinación de Medio Rural e dous Postos de Mando Avanzado (PMA)- e a activación do Punto de Recepción de Medios (PRM).

Participantes

Participaron dez técnicos e axentes forestais, catro brigadas, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e catro motobombas, así como efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) do Pereiro de Aguiar e bombeiros do Parque Municipal de Ourense e do Polígono de San Cibrao das Viñas.

No que se refire ao apoio loxístico e de seguridade colaboraron efectivos de forzas e corpos de seguridade -Unidade de Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA), Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local de Ourense-, as agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Ourense, Barbadás e O Pereiro de Aguiar.

Ademais da extinción, neste simulacro, os participantes adestraron actividades como a realización de cortes de estradas ou a elaboración dunha mensaxe a través do sistema Es Alert con medidas de protección á poboación.

Detalles do simulacro

O simulacro comezou ás 11,00 horas coa activación do Peifoga de dúas situacións 2 pola simultaneidade de lumes nun mesmo distrito forestal – XII Miño-A Arnoia- con afectación nos lugares e Naves e Canibelos. Coa declaración de situación operativa 2 por risco para as persoas constitúense o CECOP e PMA e actívase o PRM para mobilizar os medios necesarios, ademais de facer avisos de confinamento á poboación. Unha vez controlado o incendio desactivouse a situación 2 e finalizou o exercicio.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook