A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo un encontro de traballo co Inspector Xefe da Unidade de Policía Autonómica (UPA) da Coruña, Alejandro Maceiras Bastida. Unha unidade policial que leva 33 anos realizando labores de protección en Galicia e que conta na Coruña con 35 efectivos.
Belén do Campo destacou o importante traballo que leva a cabo esta Unidade de Policía Adscrita en Galicia no eido da protección de mulleres vítimas de violencia de xénero co programa VioXen, a través do cal, o ano pasado, na Coruña atenderon a 130 mulleres. As funcións que teñen asignadas son fundamentalmente desprazar medios ante avisos de episodios de violencia de xénero, prestar atención singularizada á vítima, traslado ao centro asistencial cando son agredidas, recollida de datos sobre o agresor, a posta en marcha das medidas de seguridade oportunas e a adopción de medidas recollidas nos protocolos.
A representante do Goberno autonómico subliñou tamén as súas tarefas relacionadas coa protección de menores tutelados, incluíndo a súa protección e a supervisión dos seus traslados programados.
Entre os seus cometidos tamén destacan, en colaboración coa Consellería do Mar e a Cofradía de Pescadores da Coruña, a posta en marcha de dispositivos dirixidos a impedir a actuación de furtivos, tanto na actividade extractiva como na venta, transporte e distribución do produto sen as debidas garantías sanitarias. A UPA da Coruña incrementa cada ano o número de actas de vixilancia que realiza. En concreto, os operativos céntranse na investigación de delitos contra a fauna e a flora, contra a saúde pública e falsidade documental. Tamén se inclúen neste eido as actividades policiais relacionadas coa pesca marítima como o control documental de pescadores a pé ou a flote, con botellas ou a pulmón, así como artes ilegais e talle, cantidade, peso e número das capturas, entre outras actuacións.
Belén do Campo destacou tamén outras funcións como a loita contra os incendios, sobre todo potenciando os labores de prevención supervisando os permisos de queimas autorizadas, así como a protección do medio natural e do patrimonio.
Déficit efectivos
Neste senso, a delegada lamentou que cada vez hai un maior déficit de persoal, que xa supera o 30%. Belén do Campo insistiu na urxencia de que o Goberno central complete o catálogo da Policía Autonómica ata os 500 axentes previstos fronte aos 344 existentes na actualidade. “É un paso necesario para que a unidade poida desenvolver coas máximas garantías as múltiples competencias de protección, investigación e defensa que ten atribuídas”, afirmou.