23/03/2025

A Unidade de Policía Adscrita de Galicia (UPA) rexistrou o ano pasado 227 denuncias que deron como resultado 24 persoas investigadas ou detidas, no marco da loita contra o furtivismo, o marisqueo ilegal e a pesca marítima ilegal. O balance das actuacións desenvolvidas especialmente polo Equipo de Resposta Policial (Grupo Erpol), ademais de polos equipos de investigación das distintas sedes da UPA nas provincias costeiras e sempre en colaboración coa Consellería do Mar tamén recolle un total de 711 inspeccións con 130 vehículos rexistrados nun total de 808 dispositivos.

Os datos dan mostra da redución da actividade delitiva como consecuencia da presión ao furtivismo por parte da UPA xunto coa Subdirección Xeral de Gardacostas da Consellería do Mar. Reflicten ademais a maior profesionalización do persoal policial neste ámbito e un mellor coñecemento das prácticas das persoas dedicadas ao marisqueo ilegal.

Nestes resultados tamén contribúe o labor realizado polo Grupo Operativo de Actividades  Subacuáticas (GOAS) formado por cinco policías e un inspector co obxectivo específico a loita contra o furtivismo e a protección dos recursos mariños, que colaborou con distintos departamentos da Xunta, así como con outras institucións e corpos de seguridade en inspeccións, investigacións e buscas de persoas desaparecidas en medios acuáticos.

 De feito, cómpre destacar a elevada demanda que está a recibir esta grupo de actividades subacuáticas por parte de unidades especializadas da Policía Nacional para participar en operativos a desenvolver en ambientes acuáticos.

Ademais, o GOAS formou parte do continxente galego de servizos de emerxencias desprazados a Valencia co obxectivo de colaborar nas tarefas de busca e rescate de persoas desaparecidas en operativos en varias localidades.

En canto a outros dispositivos realizados o ano pasado, cómpre salientar a denominada operación Capilla -conxunta coa Comisaría Xeral de Policía Xudicial da Policía Nacional, o servizo de Gardacostas e a Policía Marítima de Portugal- que supuxo a incautación de máis dunha tonelada de marisco, de 79.000 euros en efectivo e unha arma de fogo con 14 persoas investigadas por presunto delito de pertenza a organización criminal.

Destaca a colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coa Unidade de mergullo da Armada con sede en Ferrol en varias intervencións vinculadas á vixilancia do patrimonio arqueolóxico somerxido. Exemplos desta colaboración son a participación na actuación de rescate de materiais de interese arqueolóxico susceptibles de ser espoliados na costa de Corcubión e as realizadas no porto de Ribadeo. A primeira no marco do proxecto de investigación do pecio do galeón Giacomo de Galizia, afundido no século XVI nese porto. A segunda intervención foi a actuación de comprobación do estado de conservación do pecio despois do varamento dun barco mercante na canle de entrada do porto.

Por outra banda, a UPA achou nunha inmersión un revolver en requirimento da comisaría da Policía Nacional de Santiago para colaborar na busca dunha persoa que se puidera ter precipitado dente a ponte de Gundián no concello coruñés de Vedra. E no marco da colaboración co servizo de Gardacostas de Galicia, inspeccionáronse distintos pantaláns para a localización de fondeos ilegais de marisco.

Dispositivos para impedir o furtivismo

O traballo da unidade en colaboración coa Consellería do Mar céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. En concreto, os operativos céntranse na investigación de delitos contra a fauna e a flora, contra a saúde pública, falsidade  documental, tráfico de xénero corrompido e organización ou grupo criminal. Tamén se inclúen neste eido as actividades policiais relacionadas coa pesca marítima como o control documental de pescadores a pé ou a flote, con botellas ou a pulmón, así como artes ilegais e talle, cantidade, peso e número das capturas, entre outras actuacións.

Así pois, malia a perda de efectivos e de ter asumido outras funcións, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia mantén a actividade en colaboración coa Consellería do Mar, de xeito que se poidan acometer con garantías as tarefas precisas no que se refire ao control, inspección e realización de dispositivos específicos cos que garantir a normalidade do traballo do sector marisqueiro.

Por iso, a Xunta advirte de que a actividade da UPA vese afectada pola continua redución de efectivos desde 2014 ao mesmo tempo que veñen asumindo un incremento progresivo de funcións.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook