19/02/2023

A Unidade de Policía Adscrita (UPA) reforzou o ano pasado a colaboración coa Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e materias do ámbito da súa competencia, como se recolle no informe do que se informou no pasado Consello da Xunta. As actuacións están relacionadas co control de produtores e xestores de residuos sólidos, de vertidos líquidos, da localización e erradicación de vertedoiros ilegais, as inspeccións e controis de puntos limpos, o transporte e reciclado de aceites vexetais, a caza e a pesca ou o urbanismo.

Segundo o documento, ao longo de 2022 formuláronse 2.708 denuncias fronte ás 2.697 o exercicio anterior, o que supón un incremento do 6%. No que se refire ás inspeccións, aumentaron nun 12%, ao pasar de 5.993 a 6.708.

Por tipoloxías, realizáronse 1.694 inspeccións relacionadas con residuos que deron como resultado 1.516 infraccións. Trátase do control das industrias que poidan producir residuos sólidos ou líquidos de tipo estándar, que necesariamente teñen que ser reciclados a través de xestores autorizados, para impedir que poidan ser eliminados sen control e, en consecuencia, que poidan alterar as condicións de calquera hábitat.

Así inspecciónanse os residuos sólidos e líquidos das obras de construción; residuos domésticos; os puntos de recollida de plásticos agrícolas, dependentes dos concellos; a comprobación de que as rodas dos turismos terminan a súa vida útil nos xestores autorizados e o abandono de vehículos en zona forestal ou en zonas nas que se transforme nun elemento contaminante ou nun risco engadido ao inicio ou propagación dos incendios. Tamén se inspeccionan os lodos orixinados na industria agroalimentaria e os talleres de reparación de automoción produtores de residuos contaminantes, os establecementos dedicados ao despezamento de turismos, entre outros.

Os axentes das seis sedes da UPA na comunidade tamén se encargan da vixilancia de vertidos con substancias líquidas prohibidas ás augas marítimas e continentais -hidráulicos, marítimos, xurros...- con 171 inspeccións e 78 denuncias. Ademais, localizáronse ou inspeccionáronse un total de 1.122 puntos de vertido incontrolados, que supuxeron 770 denuncias.  

No que se refire ás actuacións relacionadas con caza e pesca fluvial contabilizáronse 1.484 controis, das que en 354 se levantou acta de infracción. Neste apartado inclúense as talas incontroladas de especies arbóreas, a vixilancia das zonas da Rede Natura, xunto cos movementos de terras e recheos que teñen que estar autorizados para evitar impactos ambientais negativos.

A actividade levada a cabo o ano pasado pola Policía Autonómica en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda complétanse con 68 inspeccións vinculadas á vixilancia de zonas protexidas medioambientalmente e outras 388 de urbanismo. 

Así pois, malia a perda de efectivos e de ter asumido outras funcións moi importantes como a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero ou a vixilancia das rutas xacobeas que precisan de persoal operativo permanente ou a loita contra o furtivismo, a UPA segue a manter no 2022 o nivel de actividade en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de xeito que se poidan acometer con garantías as tarefas precisas de control.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook