Axentes da UPA na Coruña incautaron a pasada semana 90 quilos de polbo e dous de centola, no marco dun dispositivo de control do furtivismo desenvolvido en colaboración cos vixilantes da confraría de mariscadores na zona do Portiño.
Tras observar dúas persoas mergulladas fronte ao porto, procedeuse á súa identificación e inspeccionouse a contorna, onde se atoparon dous salabardos coas especies comisadas. Os polbos e as centolas entregáronselle á institución benéfica Padre Rubinos.
O operativo enmárcase no reforzo feito este ano pola Unidade de Policía Adscrita no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. Así, medraron as inspeccións, os rexistros e as denuncias con respecto a 2021, co resultado dunha redución da actividade delitiva, e melloraron tanto a profesionalización do persoal policial neste ámbito coma o coñecemento das prácticas das persoas dedicadas ao marisqueo ilegal.
O traballo da Unidade de Policía Adscrita coa Consellería do Mar céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. Cabe lembrar que esa actividade furtiva vén sendo practicada de forma ilegal e reiterada por persoas que, amparándose en situacións de insolvencia ou necesidade, danan as concesións marisqueiras, e causan graves prexuízos aos profesionais que as explotan legalmente, chegando ás veces a utilizar a violencia.