21/12/2022

Axentes da xefatura da Unidade de Policía Adscrita (UPA) en Pontevedra incautaron esta semana 63,5 quilos de centola no marco dun dispositivo de control e rastrexo de produtos pesqueiros desenvolvido no porto de Aguete, en Marín, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia.

Os policías detectaron unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros e se introducían no interior dun vehículo. Ao inspeccionalo, localizaron no maleteiro catro cestos coas centolas e, dado que o condutor e patrón da embarcación carecía de documentación de transporte da mercadoría, procederon ao comiso. 

Os axentes tamén levantaron acta denuncia por diferentes infraccións á Lei de pesca de Galicia, como o exceso de peso de captura establecido para a embarcación, a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado, e o transporte da mercadoría sen documento e nun vehículo non autorizado. Todas as centolas comisadas, ao estar vivas, foron devoltas ao mar da zona.

O operativo enmárcase no reforzo feito este ano pola UPA no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. Así, medraron as inspeccións, os rexistros e as denuncias con respecto a 2021, co resultado dunha redución da actividade delitiva, e melloraron tanto a  profesionalización do persoal policial neste ámbito coma o coñecemento das prácticas das persoas dedicadas ao marisqueo ilegal.

O traballo da UPA coa Consellería do Mar céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. Trátase así de protexer as concesións marisqueiras e a actividade dos profesionais que as traballan legalmente.
 

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook