14/04/2023

Axentes do Grupo de Investigación da Unidade de Policía Adscrita da Xefatura de Santiago de Compostela, procederon á recuperación de 15 pezas metálicas de gran valor arqueolóxico datadas entre os séculos VII e IV A.C, polo que corresponden desde a Idade de Bronce ata a época romana. As actuacións levaron a cabo no marco da operación Bronce, que continúa aberta e, polo momento, os axentes identificaron a dúas persoas como presuntas autoras dun delito contra o patrimonio histórico e outro de apropiación indebida.

A investigación comezou a finais de marzo cando a UPA recibiu unha comunicación a través da súa web, na que se alertaba da venda de patrimonio que podía proceder do espolio dalgún xacemento arqueolóxico. Os axentes corroboraron os datos e comprobaron que na internet se ofertaban en varias páxinas de venda en liña pezas arqueolóxicas de varias épocas históricas por un importe medio de ata 700 euros cada unha.
 
A UPA conseguiu identificar o vendedor, ao que lle requisaron os obxectos e tamén ao propietario, que non puido acreditar a orixe do material. Por estes feitos, tomóuselles declaración a estas dúas persoas e as dilixencias remitíronse ao xulgado de Instrución de Ferrol e á Fiscalía provincial da Coruña.
 
As 15 pezas metálicas foron requisadas para a súa preservación e estudo, quedando depositadas nun museo á disposición da autoridade xudicial.
 
Segundo as pescudas realizadas, as características das pezas indican que proceden de distintos xacementos arqueolóxicos afastados entre si e acreditouse que o interese dos autores era sacar rédito económico incumprindo o deber de comunicarlles ás autoridades a localización e posesión das pezas.
 
A operación Bronce continúa aberta para tentar descubrir a orixe das pezas e investigar se hai mais persoas implicadas ou infraccións conexas.
 
Entre as competencias da Unidade de Policía Adscrita inclúese a protección do patrimonio histórico, cultural e artístico da comunidade, a través da prevención e investigación de accións que atentan contra o patrimonio cultural galego e, en especial, sobre os bens de interese cultural (BIC), de relevancia histórica ou doutras obras de singular importancia.

Colabore

Poñemos á súa disposición os medios para que poida contactar con nós ou remitirnos calquera consulta.

Redes Sociais

Tamén pode seguir a nosa actividade a través da nosa conta de Facebook